Tuesday 07 de May de 2024

O festival de Entroido da gardería de Brión tivo a música como temática principal


Máis de oitenta nenos e nenas da escola infantil municipal de Brión participaron hoxe no desfile de Entroido do centro. O bo tempo permitiu que a actividade se desenvolvese no exterior, onde varias decenas de nais, pais, avoas e avós se achegaron para ver os cativos disfrazados.

A música foi a temática do desfile, con distintas caracterizacións segundo os grupos de idade nos que se organiza a escola infantil. Deste xeito, na zona de aparcadoiro, hoxe baleira e sinalizada por parte da Policía Local de Brión, puidéronse ver integrantes dunha tuna, un grupo numeroso de Rolling Stones ou adaptacións do traxe folclórico tradicional galego. Os disfraces foron elaborados polos nenos e nenas, co apoio do equipo pedagóxico do centro, utilizando materiais reciclables.

O desfile, ao que tamén acudiu como espectador o alcalde de Brión, José Luís García, organizouse como unha festa aberta á participación das familias, que achegaron diversos produtos e doces típicos das festas de Entroido dos que os nenos e nenas deron conta ao longo desta mañá.